REFERENCIAS

Esta guía didáctica multimodal do galego constitúe unha recompilación do coñecemento social e lingüístico ordenado, relacionado e transmitido dunha forma sinxela e didáctica para o seu uso escolar.

Os contidos presentes na guía supoñen unha reprodución do coñecemento sociolingüístico xerado sobre a situación das linguas en Galicia mediado pola nosa experiencia como investigadores en sociolingüística. A situación de contacto coa realidade do idioma, o traballo desenvolvido en Moaña na investigación sociolingüística e as conversas cos informantes, deron lugar a este proxecto que aquí se presenta.

Así e todo, cómpre facer referencia a unha serie de obras utilizadas para presentar os contidos que se desenvolven a través das diversas temáticas propostas.

Para os temas referidos a datos macrosociolingüísticos, como «As linguas en Galicia» ou «A transformación social de Galicia», entre outros, valémonos dos datos e gráficas aportados polo volume do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, Lingua e sociedade en Galicia: a evolución sociolingüística 1992-2013. Esta obra serviu tamén para contextualizar as reflexións feitas sobre a situación actual da lingua galega.

O resto de datos son de creación propia e proveñen das explotación das bases de datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) e do Instituto Nacional de Estatística (INE), concretamente do censo lingüístico. Para a parte referente a «A lingua na educación» tamén tiramos datos do Informe sobre o uso do galego nos centros de Educación Infantil e Primaria de Moaña, proporcionados polo Servizo de Normalización Lingüística de Moaña.

No tocante ao resto do corpo máis teórico presente nos temas, foron de especial interese as reflexións achegadas no discurso de Henrique Monteagudo, Facer país co idioma. Sentido da normalización lingüística, e os seus artigos sobre a variación sociolingüística e a estandarización do idioma galego, no referente ás temáticas sobre o cambio lingüístico e a política lingüística en Galicia.

Para os temas relacionados coa conversión lingüística son de obrigada referencia os textos de Fernando Ramallo sobre o estudo dos neofalantes e, concretamente, A Galicia neofalante. Tamén o discurso de Xosé Luís Regueira: Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI foi de interese para os contidos sobre modelos orais de lingua. Por último, cómpre destacar a obra de Francisco Fernández Rei, Dialectoloxía da lingua galega, por ser guía de referencia na descrición da variedades lingüística de Galicia.

Ademais destes contido textuais, utilizamos outros materiais presentes na rede, libres de dereitos de copia, de diversas fontes. Así, os mapas dialectolóxicos do tema «O galego en Moaña» hai que agradecerllos a Fobos 92 –O blog de Raúl, Centro Educativo Galén–, usuario da Galipedia, distribuídos baixo licencia Creative Commons (CC BY-SA 4.0) e que se poden atopar na entrada «Isoglosa» desta enciclopedia virtual. O mapa que representa os bloques dialectais está tomado de LOIA.org (Guía Aberta ao Idioma Galego), publicado tamén baixo licencia Creative Commons (CC BY-NC 2.5).