O inglés na sociedade galega

Se nos achegamos á realidade sociolingüística da Galicia actual, non podemos deixar de considerar un elemento relativamente recente, pero que gaña incidencia ano tras ano: o caso do inglés como lingua franca internacional hexemónica. Esta lingua penetrou principalmente na vida dos galegos e das galegas a través do sistema educativo, onde a día de hoxe praticamente o 100 % do alumnado cursa a materia de lingua inglesa, a cal se inclúe como materia troncal (obrigatoria) na meirande parte dos currículos de primaria e secundaria. Ademais, nos últimos anos, asistimos á proliferación dos chamados «centros plurilingües», onde o inglés non só se estuda na materia de lingua, senón que constitúe a lingua vehicular doutras materias que compoñen os programas educativos.

A tendencia á alza do inglés na comunidade reflíctese igualmente nas partidas orzamentarias destinadas á posta en marcha de numerosas iniciativas e programas de inmersión lingüística por parte da administración pública, que en moitos casos superan as propias dedicadas á revitalización do galego. No tocante ao sector privado, a oferta de cursos, programas de reforzo, clases de conversa, e demais, non deixa de medrar ano tras ano. Malia que este tipo de iniciativas adoita ter unha boa acollida na sociedade galega, desde un punto de vista crítico convén prestar atención a certas cuestións que explican o aumento da demanda por parte da poboación.

Por unha banda, cómpre preguntarse por que é o inglés a lingua de referencia internacional e non calquera outra lingua. Evidentemente, non se trata dunha escolla arbitraria, senón que é consecuencia da relación de forzas no eido xeopolítico, onde os Estados Unidos destaca como primeira potencia político-económica e militar, o que repercute no espallamento da súa influenza cultural e lingüística ao longo do globo. O inglés considérase, de feito, a lingua dos negocios, do eido das organizacións supranacionais (como a Unión Europea, a Organización de Nacións Unidas ou o Banco Mundial) ou do eido do turismo e, en xeral, das relacións internacionais.

Sen dúbida, esta omnipresenza apoiada na posición hexemónica dos Estados Unidos, contribuíu ao afloramento dunha percepción social favorable cara ao inglés como «lingua de prestixio internacional», lingua de progreso económico e de ascenso na escala social. Pero tamén, a través da cada vez maior presenza da produción cultural en lingua inglesa nos medios de comunicación. Especialmente as producións destinadas ao consumo masivo internacional en eidos como o cine, a música, a televisión, os videoxogos ou a literatura, constitúen unha parte cada vez máis importante dos hábitos de consumo da poboación, en detrimento dos produtos culturais autóctonos, os cales chegan incluso a ter que concibirse segundo as pautas culturais anglosaxoas se queren garantir o seu percorrido no mercado. Ademais, neste sentido, hai que considerar a importante presenza das novas tecnoloxías e as redes sociais na sociedade actual, especialmente entre a mocidade, eidos nos que o inglés (e a cultura anglosaxoa) predomina como lingua franca e vehicular.

Agora ben, no tocante á cada vez maior demanda do inglés por parte da poboación (o que se reflicte, por exemplo, na crecente inversión económica que fan moitas familias para que os máis novos e as máis novas adquiran unha boa competencia en inglés), cómpre preguntármonos de novo se esta provén dunha necesidade real ou dunha necesidade en certa medida «provocada». O certo é que a meirande parte dos galegos e galegas escasamente precisan empregar o inglés na súa vida cotiá ou no seu traballo. Isto non significa que non sexa proveitoso aprender ou dominar unha lingua estranxeira, pero si que nos incita a cuestionármonos se paga a pena investir tantos esforzos económicos e sociais en favor do seu espallamento, especialmente cando estes s fan en detrimento das linguas autóctonas minorizadas, como é o caso do galego.

1 Comment

Add Yours →

Deixa unha resposta