O galego en Moaña

A variación da lingua galega remite á heteroxeneidade das formas do que chamamos galego que, sinteticamente, poden variar segundo tres eixes: o social, o contextual e o xeográfico. A variación xeográfica en Galicia foi un feito destacado por moitos a moitas lingüistas por conservar unha evidente riqueza ata finais do século XX. Ata o proceso de estandarización lingüística, os e as falantes de galego carecían dun modelo de galego unificado que seguir nin que asumir e isto foi un dos motivos da conservación desta variedade na fala.

Os e as falantes son conscientes desta variación a pesar de non se identificaren cun «dialecto» concreto, é dicir, cunha variedade lingüística máis ou menos uniforme restrinxida a unha zona xeográfica determinada. En todo caso, teñen conciencia da variación da lingua, dos diferentes modos de falar e das diferentes valoracións que suscita. Esta variación asociada a diversas ideoloxías lingüísticas fai que os e as falantes máis tradicionais, ás veces, identifiquen o seu propio galego como defectuoso por ser diferente do estándar ou do modelo de prestixio. Con todo, cómpre lembrar que ningunha variedade dunha lingua é intrinsecamente mellor ou peor. O galego con trazos dialectais supón unha das manifestacións da heteroxeneidade das linguas e da súa variación interna; xa que logo, é interesante que perdure e que poida facelo  xunto ao galego estándar.

O certo é que moitas veces somos quen de identificar xeograficamente a un ou unha falante cun só trazo lingüístico: isto pasa co caso da formas «tu» (por «ti») que, para un falante das Rías Baixas, nos remite directamente aos falares de Lugo e Ourense; ou a forma «il» (por «el») que nos remite directamente tamén ás zonas de Lugo e Ourense inmediatamente.

Na división en áreas dialectais galegas, a occidental, na que se atopa Moaña, caracterízase fronte ás outras pola forma do plural: pantalón>pantalóns –coincidindo coa normativa– fronte a «pantalós» e «pantalois». Nesta área tamén é común a gheada e o seseo, implosivo (dez>des) e nalgúns casos explosivo (cinco>sinco).

Podemos ir pechando o foco ata atoparnos con trazos máis propios da zona de Moaña. Así, por exemplo, algunhas cuestións que atanguen ao galego da área pontevedresa, que a grandes trazos comprendería a provincia de Pontevedra, serían: a acentuación como graves dos verbos do pretérito imperfecto: «cantab(a)mos» –forma que tamén recolle o galego normativo– fronte a «cantábamos» doutras áreas; a terminación verbal no presente en –des («cantades») fronte a –ndes («cantandes») ou –is («cantais»); o uso de «cheirar» como palabra que pode substituír a «ulir», «arrecender» e «apestar».

Se achegamos máis o lente, poderiamos identificar unha zona concreta, que abrangue toda a península do Morrazo e os concellos da ría de Vigo e que se estende cara ao interior ata case a fronteira con Ourense. Esta área estaría caracterizada por: os ditongos «ui» en «muito» e «truita» (fronte «moito» e «troita»), o ditongo «oi» en «noite» e «oito» (fronte «nuite» e «uito»); uso dos demostrativos «este(s)», «esta(s)», «isto(s)»     –coincidente coa normativa– fronte a outras solucións («iste», «esta», «esto» ou «este», «esta», «esto»); verbo «pór» maioritario respecto de «poñer»; e forma «mirar» que engloba os usos de «ver» e «mirar» simultaneamente.

Unha serie de trazos permite identificar as falas do Morrazo dentro da súa área próxima, como o seseo implosivo (sinco) ou a forma «cantei» –coincidente co estándar– fronte a «cantén» de zonas veciñas. Tamén a pronuncia do <x> é caracteristicamente suave, máis parecida a un <s> («hose») e, así mesmo, unha pronuncia dos –s finais máis parecidas a un <x>.

Todos estes trazos son típicos dos falares máis tradicionais pero non teñen porque estar presentes todos á vez. Sobre todo entre a mocidade é difícil atopar algúns destes trazos e incluso a xente con acceso á educación e a produtos culturais veu modificada a súa propia falta nalgúns rexistros influídos pola norma que actuou como fala de referencia.

Deixa unha resposta