INTRODUCIÓN

As prácticas lingüísticas que acontecen en Moaña, as formas nas que se fala, como se fala, en que contextos etc., non están desligadas dos procesos sociolingüísticos que acontecen en Galicia, máis ben ao contrario. Estas supoñen un microcosmos no que podemos atopar, na súa propia escala, unha incidencia e unha configuración similar dos principais fenómenos que determinan a realidade actual da lingua galega.

A foto fixa que representa a situación galega en xeral está composta por moitos procesos simultáneos, dinámicos, complexos e que provocan múltiples tensións entre os e as falantes na vida cotiá. Tensións que acontecen en todas as linguas, as cales vivimos con normalidade no noso día a día pero que teñen unha explicación científica.

Este traballo constitúe unha aposta creativa pola transmisión e divulgación deste coñecemento científico, baseado nas lecturas académicas de corte sociolingüístico e no noso propio coñecemento da realidade social e lingüística de Galicia e Moaña. O punto de partida é a constatación da dificultade de achegar esta realidade á mocidade, se temos en conta os contidos que adoitan conformar os programas educativos das materias relacionadas coa lingua nas escolas e nos institutos galegos, moitas veces incluso en contra das propias inquedanzas e das perspectivas do persoal docente, sempre condicionado polos ritmos e polas esixencias propias do sistema educativo actual.

Nesta liña, o principal obxectivo desta guía didáctica multimodal consiste en contribuír á superación desta barreira. Trátase, pois, de trasladarlle á comunidade educativa as principais achegas, debates e innovacións que integran os últimos avances na sociolingüística actual, os cales, esperamos, faciliten o afloramento da conciencia lingüística no alumnado, independentemente dos seus repertorios lingüísticos e preferencias de uso particulares.

Ademais, este achegamento pretende facerse dunha forma innovadora aproveitando as posibilidades do formato web, presentamos os contidos didácticos de reflexión ao carón de discursos e vivencias persoais dalgúns moañeses e moañesas. Persoas que exemplifican a complexidade da situación social a través das súas diversas historias lingüísticas, usos, vivencias, ideoloxías e tamén prexuízos. Unha serie de narrativas que nos achegan á realidade da fala, das actitudes e opinións ante a lingua, e coa que pretendemos pór de relevo o coñecemento lingüístico de a pé para entender a complexidade lingüística de Galicia e Moaña.

Estes contidos, tanto audiovisuais coma textuais, non tratan de despregar unha explicación autorizada, exhaustiva e consolidada de cada fenómeno sociolingüístico ou unidade temática, senón, máis ben, de enfrontar o alumnado cos debates e cuestións cruciais dos que eles e elas tamén forman parte, coa intención de trasladarlles a posibilidade de iniciativa á hora de resolvelos e identificalos como propios.

A nosa intención na elaboración deste traballo consiste en outorgarlle ao persoal docente a maior liberdade e flexibilidade no tocante ao emprego da guía, así como á orde coa que se tratan os diversos contidos na aula. Con todo, propoñemos a seguinte metodoloxía para un emprego efectivo da guía:

  • Unha primeira fase na que o profesorado se apoie no material textual para sentar as bases que precisa o alumnado para o tratamento de cada unidade, acompañando esta tarefa coa presentación dos diversos vídeos que as complementan.
  • Segundo, trasladar a iniciativa da aprendizaxe ao propio alumnado mediante a proposta dunha ou varias das actividades incluídas e relacionadas con diversos temas de xeito transversal.

Desde o noso punto de vista, o escaso tratamento relativo aos principais fenómenos sociolingüísticos que caracterizan o desenvolvemento da nosa lingua, máis alá de supoñer unha simple omisión en favor doutros coñecementos de índole lingüística e literaria considerados prioritarios e ineludibles, supón un notable obstáculo á hora de fomentar no alumnado unha visión informada, realista e crítica sobre a situación social da lingua. Ademais das aptitudes competenciais que integran os programas tradicionais de ensinanza de linguas, pensamos que é preciso dotar o alumnado das ferramentas de análise e pensamento necesarias para sustentar as súas prácticas e as súas intervencións na comunidade lingüística.