As linguas en Moaña

Podemos achegarnos de diversas formas á situación social das linguas no concello de Moaña. Unha delas é mediante grandes cifras que nos poden dar diferentes estudos demolingüísticos. Estes tipo de estudos son levados a cabo a través dunha gran recollida de datos mediante enquisas a través de todo o territorio galego. Deste xeito podemos coñecer datos sobre as competencias, o uso, ou a súa distribución por idade, xénero, hábitat etc.

Se nos detemos nas competencias, a xente de Moaña é bilingüe competencial, é dicir, ten unha capacidade moi ampla de falar e entender as linguas galega e castelán no seu conxunto. Isto explícase por moitos factores, como a gran presenza ambiental do galego na sociedade, o contacto diario a través dos medios de comunicación co castelán, a similitude entre estas dúas linguas románicas, o ensino nestas dúas linguas e tamén polo proceso de normalización lingüística.

As competencias lingüísticas da poboación son un requisito imprescindible para o uso dun idioma. Con todo, unha boa competencia non garante un uso. No caso de Moaña, este é un concello cun uso medio do galego comparado coa situación galega. Con todo, isto non é unha realidade fixa senón que vai cambiando.

Este descenso dos monolingües en galego non é só un fenómeno exclusivo de Moaña, senón que se extende a unha situación máis xeral de desgaleguización. Nos últimos anos, podemos observar que o uso do galego descende en moitos concellos de Galicia, moitos dos cales están situados nas periferias das cidades tal que Moaña.

Unha das cuestións máis evidentes respecto da distribución social das linguas é a súa presenza desigual segundo a idade. Isto vese motivado en parte pola ruptura da transmisión xeracional, a transmisión da lingua nas familias, que levou a que moitos nenos non falen a mesma lingua que se fala nas súas casas.

Estes datos pódennos dar unha imaxe de partida da situación social das linguas en Moaña. Estes poden ser interpretados de diversas formas e lidos a través de diferentes posicións ideolóxicas. Fronte a eles, sitúanse as percepcións dos diferentes falantes sobre a situación das linguas neste concello. Estas están condicionadas por moitos factores, como as súas propias prácticas lingüísticas, as redes nas que se moven e os contextos máis habituais, a comparación co pasado, así como as súas expectativas sobre o uso das linguas en Galicia. Todas elas inflúen na percepción de como se atopan as dúas linguas no concello e así se manifesta nas narrativas dos veciños e veciñas de Moaña.

Todos estes cambios que acontecen están conectados coa transformación social de Moaña, o prestixio social das linguas e as dificultades polas que atravesa a lingua galega en xeral.

Deixa unha resposta