As linguas en Galicia

En Galicia, o castelán e o galego levan moito tempo sendo parte do corpo social, aínda que non é ata épocas relativamente recentes que o castelán se inseriu na sociedade galega e chegou a ter unha penetración semellante á do galego.

Cando falamos destas dúas linguas adoitámonos referir a elas como maioritaria, castelán, e minoritaria, galego. Con todo, dentro da sociedade galega isto non é así. Cómpre ter en conta que, demolingüisticamente, o galego sitúase entre o 5 % das linguas do mundo con máis dun millón de falantes. Deste xeito, o galego está máis próximo ás chamadas linguas medianas, é dicir, linguas cun nivel de falantes de máis dun millón e menos de vinte, que se desenvolve nunha sociedade economicamente desenvolvida e que se reproduce de xeración en xeración.

Exemplos destas linguas son o catalán, o dinamarqués, o noruegués ou o polaco. Neste sentido, a situación social da comunidade lingüística do galego aseméllase máis a estas linguas ca non a outras.

Con todo, independentemente do número de falantes, de desenvolvemento das sociedades e da reprodución das linguas na sociedade, todas as linguas do mundo son iguais de dignas.

A sociedade galega é fundamentalmente bilingüe competencial, é dicir, é capaz de producir e recibir tanto o galego coma o castelán case na súa totalidade. A proximidade lingüística das dúas linguas presentes na comunidade galega e a súa presenza social están vinculadas a estas altas porcentaxes. A destreza con menor puntuación, a escrita, explícase pola recente incorporación do galego ao sistema educativo e a alfabetización recente nesta lingua.

En termos xerais, as dúas linguas teñen unha ampla vitalidade en Galicia, ben como lingua inicial, ben como lingua habitual. Os datos xerais mostran como o galego, a día de hoxe, segue a ser a lingua maioritaria de Galicia pese a que este é un proceso que está cambiando.

Así e todo, estes datos declarados esconden prácticas lingüísticas moi diferentes. A visión destes datos agocha unha realidade que non debemos desprezar e é que o galego non está igualmente repartido na sociedade. Unha das variables que mellor explica a distribución de falantes é a idade.

Deste xeito, vemos como os sectores da poboación de máis idade desenvolven o seu día a día en galego mentres que os sectores máis novos da sociedade se desenvolven con moita máis frecuencia en castelán. Unha situación que tamén se ve reflectida nas distribución das linguas en Moaña. Sumado á baixa natalidade, isto predí unha baixada importante nos próximos anos de galegofalantes por crecemento vexetativo negativo.En Galicia, as maiores porcentaxes de uso exclusivo do galego atópanse nas zonas máis rurais, como se ve no mapa (azul máis escuro). Os habitantes de Pazos de Borbén, por exemplo, declaran falar un 65 % soamente galego. No caso de Moaña, esta porcentaxe descende ata o 38 % e baixa ata o 15 % no caso de Vigo. Ao mesmo tempo, o maior número de monolingües galegos en Galicia viven nas principais cidades, lugares onde o castelán é maioritario.

Deixa unha resposta