As ideoloxías lingüísticas

As ideoloxías lingüísticas defínense como o conxunto de ideas e prácticas que conforman a relación dun ou dunha falante respecto das linguas do seu contorno, pero tamén das linguas en xeral. Nesta definición, a referencia ás «prácticas» é fundamental, pois, nas ideoloxías, as ideas están intimamente relacionadas coas prácticas. Xa que logo, as ideas que teñen os e as falantes respecto das linguas e do mundo en xeral condicionan as prácticas lingüísticas nas que participan. Ao mesmo tempo, estas mesmas prácticas sosteñen as súas ideas, «fanas realidade».

Todo discurso sobre as linguas enmárcase nalgunha ideoloxía lingüística, e polo tanto está orientado a privilexiar un determinado tipo de prácticas lingüísticas en detrimento de outras. Isto ten lugar tanto no eido da política, onde normalmente as ideoloxías lingüísticas entretécense coas posicións políticas presentes na sociedade, como no eido da vida cotiá, onde a visión do mundo de cada falante inclúe a súa relación e a súa actitude respecto das linguas.

Debido á variedade dos motivos e dos sentidos que conforman as ideoloxías, a súa clasificación non é para nada doada e supón un continuo foco de discusión entre os e as lingüistas. Porén, podemos sinalar algúns dos fenómenos máis salientables que teñen que ver coas ideoloxías lingüísticas e que caracterizan a realidade galega:

  • Adaptación lingüística: nunha situación de conflito lingüístico como a que caracteriza a realidade galega, o bilingüismo, entendido como coexistencia harmónica das dúas linguas, onde a persoa ten liberdade plena de elección, non se dá moi habitualmente na práctica cotiá. Máis ben, cómpre entender a adaptación lingüística, precisamente, como o límite desta visión mítica do bilingüismo. Así, por adaptación lingüística enténdese a norma social, non explícita pero funcional, pola que os e as falantes dunha lingua minorizada se ven impulsados  e impulsadas a empregar a lingua dominante en determinadas situacións ou espazos sociais.
    De feito, no caso da realidade galega, en determinados grupos sociais (mais cada vez en menos) continúa dándose o caso dunha conversa co galego como lingua de interacción que cambia ao castelán en canto se incorpora á conversa un falante ou unha falante desta lingua. Con exemplos coma este, cómpre referirse ao bilingüismo en Galicia como un bilingüismo desigual. E isto ocorre porque os patróns de adaptación lingüística adoitan reflectir a «escala de valores» derivada do conflito lingüístico: se, neste caso, o galego é a lingua minorizada, o esperable é que sexa o castelán (a lingua dominante) a elixida na meirande parte das situacións.
    Cómpre destacar que, nas interaccións cotiás, este fenómeno da adaptación adoita pasar desapercibido para os e as falantes, o cal ilustra convenientemente un dos trazos básicos do funcionamento das ideoloxías, o seu aspecto principalmente inconsciente. 
  • Neutralización do conflito lingüístico: ante calquera situación de conflito social, xorden sempre ideoloxías que apelan a unha posición de neutralidade respecto do mesmo, e o caso do conflito lingüístico non constitúe unha excepción. Este fenómeno aparece en dúas modalidades principais: por unha banda, a neutralización por medio de presentar a realidade lingüística como carente de conflito, e, pola outra, a neutralización a través da negación das súas consecuencias directas na sociedade.
    Normalmente, son os grupos sociais dominantes os máis interesados no espallamento destas perspectivas: se non hai conflito, ou se este non ten consecuencias na vida social, non hai necesidade de intervención ou de cambio. Esta posición de neutralidade ideolóxica dáse en todas as sociedades nas que se presenta unha situación de conflito lingüístico, e polo tanto tamén aparece na sociedade galega, especialmente en determinados grupos politicamente conservadores, pero tamén significativamente no imaxinario de boa parte da poboación.
    Malia que, desde un punto de vista sociolingüístico, a existencia do conflito é innegable, cómpre sinalar que esta ideoloxía da neutralidade fronte ao conflito penetrou igualmente no corpo social a través das institucións académicas e educativas, enmarcadas nas distintas políticas lingüísticas que se veñen aplicando nas últimas décadas en Galicia. Os discursos a prol da neutralización do conflito ilustran outro dos trazos que permiten comprender mellor a noción de ideoloxía, isto é, o seu carácter de relato partidista respecto da realidade social.

  • Militancia e activismo lingüísticos: o último fenómeno relacionado coas ideoloxías lingüísticas e que está moi presente na Galicia actual ten que ver coas perspectivas militantes ou activistas que se constrúen arredor das linguas (entendidas tamén como culturas e/ou identidades), e que no plano colectivo dan lugar a diversos movementos sociopolíticos de carácter representativo, popular, elitista, cidadanista etc. Estes supoñen un exemplo claro da expresión práctica e política das ideoloxías lingüísticas presentes na sociedade e, a diferenza das ideoloxías da neutralización do conflito, implican unha actitude clara de solidariedade ou hostilidade respecto dalgunha das linguas en conflito, así como, normalmente, a promoción de regulacións orientadas a materializar a súa concepción lingüística e política da realidade social.
    O propio fenómeno do neofalantismo podería encadrarse dentro do concepto de militancia lingüística.

Deixa unha resposta