Actividade 9. As prácticas lingüísticas

ACTIVIDADE 9

Introdución Nas sociedades bilingües, as prácticas lingüísticas do día a día non son homoxéneas senón que, moitas veces, algunhas asócianse a uns contextos ou a outros, a un interlocutor ou a outro, ou, simplemente, úsanse para cumprir unha determinada función segundo a situación comunicativa. Así mesmo, o emprego exclusivo dunha ou doutra lingua no día a día ou a alternancia intencionada poden desprender diferentes significados sociais. O certo é que cuestións que poden parecer sinxelas, como «cal é a túa lingua habitual?», fanse complexas se atendemos as múltiples situacións atopadas nas nosas rutinas. Para reflexionar sobre estas cuestións, nada máis útil que atender por uns minutos ás conversas cotiás nos espazos públicos e tomar as notas pertinentes.
Tarefa Observar as prácticas lingüísticas en contextos públicos e tomar nota do desenvolvemento das interaccións e as variedades lingüísticas utilizadas.
Obxectivos Reflexionar sobre o uso das diferentes variedades lingüísticas, das escollas que fan os individuos e do seu significado.
Duración Dúas sesións na aula e unha de traballo de campo.
Pasos
Sesión 1:

  1. Reflexionar sobre os usos lingüísticos do alumnado, tanto públicos como privados, e sobre o significado que teñen para eles as escollas lingüísticas que fan no seu día a día.
  2. Explicar o traballo de campo: observar as prácticas lingüísticas en varios espazos e tomar notas sobre o desenvolvemento das interaccións e as variedades lingüísticas utilizadas.
  3. Dividir aos grupos segundo diferentes localizacións co fin de cubrir diferentes contextos comunicativos.

Traballo de campo:

  1. Atender as conversas do arredor e tomar notas sobre o modo en que se desenvolven nun caderno co fin de reconstruír o seu significado: quen (sexo, idade, status) fala con quen sobre que (situación formal ou informal, tema público ou privado etc.), en que linguas (galego tradicional, castelán de Galicia etc.), de que modo o fai (alterna estilos, sempre nunha lingua etc.) etc.

Sesión 2:

  1. Poñer en común as diferentes formas de interacción rexistradas e interrogarse sobre as súas regularidades e sobre as situacións máis infrecuentes.
Modelo de traballo Traballo de campo e exposición en grupo.
Material Caderno de notas.
Fontes de información Diferentes localizacións dentro do concello.
Temas relacionados A alternancia de código; A variación lingüística; O galego en Moaña.