Actividade 8. As falas de Moaña

ACTIVIDADE 8

Introdución Unha das variacións máis notables das linguas é a correspondente ao espazo e a que crea «dialectos». En Galicia o galego conserva unha riqueza inmensa e evidente para calquera falante segundo este eixe espacial. As falas do Morrazo son facilmente identificables e distinguibles das falas da Costa da Morte ou do interior de Lugo. De forma paradoxal, esta riqueza está a desaparecer nas persoas máis novas que toman como lingua referente e de corrección o galego culto, así como polo mesmo proceso de adquisición lingüística centrado, fundamentalmente, nas habilidades de lecto-escritura. A través da reflexión metalingüística, preténdese reflexionar sobre as diversas formas do seu galego respecto da variación xeográfica e da riqueza e significado destas.
Tarefa Identificar os trazos dialectais nas falas tradicionais moañesas así como no propio alumnado a fin de comprobar a heteroxeneidade da lingua segundo a variable espacial.
Obxectivos Reflexionar sobre a variación sociolingüística de Moaña e atender as falas propias do concello, as súas características máis marcadas e reflexionar sobre a valoración social destas.
Duración Unha sesión na aula.
Pasos
  1. Identificar co alumnado as formas de falar propias de Moaña en contraposición coas zonas veciñas, axudados da información do tema, das propias prácticas do alumnado e do seu contexto máis próximo.
  2. Identificar os trazos máis característicos da zona e reflexionar sobre a valoración social destes.
  3. Comparar a presenza de trazos dialectais no alumnado galegofalante e poñer en relación o papel da escola e do estándar nesta cuestión.
  4. Comparar o galego de Moaña co galego do vídeo anexo.
  5. Reflexionar sobre o valor social das diferentes formas de fala e sobre a lexitimidade social de todas elas.
Modelo de traballo En grupo.
Material Ningún material específico.
Fontes de información Internet; biblioteca.
Temas relacionados O galego en Moaña; A variación lingüística; A normalización lingüística.