Actividade 6. Os decretos educativos

ACTIVIDADE 6

Introdución Un dos ámbitos de máis importancia para a adquisición lingüística xunto coa familia é a escola. Nas sociedades modernas, esta revelouse como un mecanismo non só de adquisición lingüística senón tamén de modelado das prácticas lingüísticas dos infantes. É por iso que os decretos lingüísticos son unha das medidas de política lingüística que máis controversia xeran na sociedade pois, ademais da adquisición, tamén inflúen nas linguas de comunicación do alumnado dentro e fóra da aula.
Tarefa Elaborar un modelo lingüístico para o ensino das linguas en Moaña atendendo a súa situación sociolingüística, tendo en conta o proceso de normalización lingüística e os dereitos lingüísticos dos falantes –para información sobre este tema pódese consultar o documento divulgativo sobre a Carta para as linguas rexionais ou minoritarias.
Obxectivos Reflexionar sobre a propia experiencia como discentes plurilingües no tocante á adquisición de competencias e ás prácticas lingüísticas no contexto escolar.
Duración Dúas sesións na aula.
Pasos
Sesión 1:

  1. Expoñer a legalidade vixente sobre a distribución horaria das linguas no currículo escolar nas diferentes etapas educativas. Incidir nos obxectivos que procura acadar o ensino plurilingüe.
  2. Avaliar o cumprimento da lexislación na experiencia do alumnado (distribución horaria e aprendizaxe) e os resultados.
  3. Reflexionar sobre as vantaxes e desvantaxes dun ensino plurilingüe, dos diferentes tipos de modelos de aprendizaxe e dos dereitos lingüísticos dos e das falantes.

Sesión 2:

  1. Elaborar en grupos un modelo lingüístico propio para a situación de Moaña, tendo en conta o contexto e as necesidades lingüísticas do alumnado.
  2. Expoñer o devandito modelo e confrontalo con outros, tratando de procurar un modelo común para Moaña.
Modelo de traballo En grupo.
Material Lexislación lingüística: Decreto 79/2010 e Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias.
Fontes de información Internet.
Temas relacionados A lingua na educación; As linguas en Galicia; As ideoloxías lingüísticas.