Actividade 5. A normalización lingüística

ACTIVIDADE 5

Introdución As accións a prol da normalización lingüística que parten da iniciativa do Estado xorden a través dunha postura máis ou menos consensuada sobre a situación sociolingüística dunha lingua particular. Con todo, o desenvolvemento de actividades concretas pode xerar debates entre os axentes implicados e a propia sociedade, os cales (en certo plano de abstracción) mantiñan unha postura a priori compartida. A través do deseño de actividades específicas de dinamización de linguas minorizadas, nos seus contextos específicos, podémonos decatar das dificultades que existen para pór en marcha actividades de discriminación positiva que non alteren os consensos sobre os que se asentan este tipo de políticas públicas.
Tarefa Propoñer unha actuación a favor da normalización dunha lingua minorizada (galego, preferentemente), tendo en conta os condicionamentos económicos, sociais e políticos do contexto no que se desenvolve.
Obxectivos Reflexionar sobre o proceso de normalización lingüística dunha lingua minorizada, os retos aos que se enfronta e os debates que xorden entre os diversos actores da sociedade civil.
Duración Dúas sesións na aula.
Pasos
Sesión 1:

  1. Debater sobre a lexitimidade da política lingüística e a intervención das linguas desde o ámbito público.
  2. Poñer exemplos de actividades a favor da normalización que se estean a desenvolver e reflexionar sobre a súa eficiencia e eficacia.

Sesión 2:

  1. Por grupos, deseñar unha actividade de dinamización lingüística atendendo os recursos dispoñibles, a capacidade de incidencia (eficiencia-eficacia) e os debates que podería xerar dentro da sociedade.
  2. Expoñer en conxunto as propostas. Mentres cada grupo expón, o resto dos alumnos asumirá os roles dos diferentes actores da sociedade (empresa privada, cidadáns, partidos políticos etc.) para valoralas segundo os seus propiso intereses.
Modelo de traballo En grupo.
Material Ningún específico.
Fontes de información Internet.
Temas relacionados A política lingüística; As linguas en Galicia; A minorización lingüística.