Actividade 4: Moaña, pasado e presente

ACTIVIDADE 4

Introdución Para comprender a situación dunha lingua no seu contexto é imprescindible atender os cambios que aconteceron nos últimos anos. A Moaña da xente de 70 anos é substancialmente diferente á Moaña dos seus netos e netas. Estes cambios están relacionados coas mudanzas políticas, económicas e demográficas, entre outras. Ter en conta as mudanzas dos diferentes sectores é fundamental para entender a transformación xeral e como esta afecta o uso e a aprendizaxe das linguas dos e das falantes de hoxe en día.
Tarefa Entrevistar unha persoa maior de Moaña que poida describir a Moaña de hai 50 anos e as súas transformacións ata a actualidade. Relacionar estas transformacións co tema lingüístico.
Obxectivos Coñecer a realidade da Moaña pasada, a súa historia e a súa evolución a través da narración das historias das persoas maiores.
Duración Dúas sesións na aula e unha de traballo de campo.
Pasos Sesión 1:

  1. Describir en grupo a Moaña actual e incidir nas características que a fan diferente a outros concellos limítrofes. Introducir nesta reflexión a lingua.
  2. Explicar o traballo de campo. Suxerir o uso de gravadora para unha posterior análise.

Traballo de campo:

  1. Entrevistar unha persoa maior e preguntarlle polas cuestións referentes aos cambios acontecidos nos últimos 50 anos e como estes afectaron os usos lingüísticos da poboación de Moaña.

Sesión 2:

  1. Expoñer as diferentes historias dos entrevistados en grupos e tirar delas coincidencias e diverxencias nos relatos.
  2. Compoñer unha imaxe a través dos múltiples relatos das transformacións acontecidas en Moaña e de como estas están vinculadas aos usos das linguas.
Modelo de traballo Traballo de campo individual, reflexión en grupo e exposición colectiva.
Material Gravadora de son/vídeo e libro de notas.
Fontes de información Asociacións de persoas xubiladas de Moaña, veciñanza e familia próxima.
Temas relacionados A transformación de Moaña; A transformación social de Galicia; As linguas en Moaña.