Actividade 2. Enquisa sociolingüística

ACTIVIDADE 2

Introdución A percepción que temos sobre o uso das linguas depende moito das nosas experiencias. Ao reflexionar sobre unha situación lingüística xeral, ben Galicia, ben Moaña, acudimos a estas experiencias para completar estas imaxes, mais a realidade é que moitas veces nos falta información sobre outros ámbitos para compoñer a grande imaxe da situación xeral das linguas nunha comunidade. O presente traballo pretende ligar o conxunto de anacos das experiencias do alumnado para enfrontalos aos datos recollidos por eles mesmos no contexto próximo.
Tarefa Reflexionar sobre a adquisición lingüística, o uso e as competencias dos habitantes de Moaña, e elaborar unha enquisa sociolingüística para que o alumnado busque persoas a quen entrevistar a fin de compoñer unha imaxe representativa de Moaña. Atender a variables sociais como a idade (grupos de idade), os estudos (sen estudos, básicos, FP ou universitarios) ou o hábitat (centro/periferia).
Obxectivos Reflexionar sobre os principais indicadores sociolingüísticos de adquisición, uso e competencias do galego e do castelán a través das percepcións do alumnado. Enfrontar esta percepción aos datos recollidos nas enquisas. Reflexionar sobre estes datos e sobre as diferenzas entre o galego e o castelán para formular unha hipótese que dea lugar a unha posible explicación.
Duración Dúas sesións na aula e unha de traballo de campo.
Pasos Sesión 1:

  1. Promover a exposición das percepcións do alumnado sobre a adquisición, o uso e as competencias lingüísticas dos habitantes de Moaña.
  2. Elaborar un cuestionario único co fin de coñecer a adquisición, o uso e as competencias en galego e castelán.
  3. Darlles indicacións aos alumnos e alumnas para buscar os perfís requeridos, pasar o cuestionario e introducir os datos resultantes nunha folla de cálculo.

Traballo de campo:

  1. Cada alumno ou alumna deberá enquisar a unhas dez persoas e pasar estes datos a unha folla de cálculo. Esta entregaráselle ao persoal docente, preferiblemente por correo electrónico.
  2. O profesor ou profesora terá que elaborar unha base de datos conxunta sobre a que realizar gráficas que resuman de forma visual os resultados obtidos no traballo de campo.

Sesión 2:

  1. Reflexionar conxuntamente sobre os datos obtidos e comparalos coas percepcións do grupo anteriores ao estudo.
  2. Comparar a situación das dúas linguas no concello e reflexionar sobre a complexidade dos procesos analizados (lingua inicial, lingua habitual etc.).
Modelo de traballo Traballo de campo individual e reflexión colectiva.
Material Ordenador e folla de cálculo.
Fontes de información Internet.
Temas relacionados O galego en Moaña; A normalización lingüística.