Actividade 15. A conversión lingüística

ACTIVIDADE 15

Introdución A conversión lingüística coñecida como neofalantismo supón un proceso de readaptación á contorna que implica reaccións de todo tipo por parte das persoas próximas e distantes. As persoas neofalantes sinalan frecuentemente as dificultades que atopan para manter o uso do galego en situacións de toda índole, pois as súas novas prácticas póñense moitas veces en cuestión ou son obxecto de prexuízos diversos. Isto, ademais da sensación de inseguridade ou a falta de apoio e confianza, deriva moitas veces en que as persoas que amosan unha certa predisposición a comezar a falar galego de forma habitual descarten a posibilidade de dar o paso definitivo. Nos últimos anos, téñense posto en marcha distintas iniciativas para fomentar que as persoas que desexan «dar o paso» o fagan de xeito reflexivo e en compañía, o que adoita contribuír positivamente ao proceso.
Tarefa Propoñerlle ao alumnado participar nunha simulación consistente en falar galego (ou castelán, no caso de que o galego sexa a súa lingua habitual) durante un período de tempo significativo (entre dous días e unha semana) en todos os contextos nos que sexa posible. Facer un seguimento das reaccións das persoas coas que interactúan durante a simulación, así como das dificultades ou facilidades atopadas. Propoñer a redacción dun breve informe que recolla ambos aspectos e un resumo da experiencia para poñelo en común na clase.
Obxectivos Experimentar o que significa converterse en neofalante no contexto galego. Reflexionar sobre os factores que facilitan ou dificultan a conversión. Promover un espazo que permita identificar neofalantes potenciais.
Duración Dúas sesións na aula e unha de traballo de campo.
Pasos a realizar Sesión 1:

  1. Propoñerlle a actividade ao alumnado e estipular os contextos nos que cada un/unha realizará a simulación.
  2. Elaborar relatos que xustifiquen o cambio de lingua fronte a posibles cuestionamentos. Recoméndase manter unha certa disciplina experimental; é dicir, na medida do posible, non revelar que se trata dunha actividade escolar ata rematar o período de simulación.
  3. Convidar o alumnado a poñer en común as súas expectativas previas respecto das reaccións e das dificultades que esperan atopar durante a simulación.

Traballo de campo:

  1. Durante o período de simulación e ao rematar cada día, o alumnado debe tomar nota das cuestións significativas atopadas.
  2. Cada alumno ou alumna terá que redactar un breve informe dando conta de tres aspectos: (a) pequeno resumo da experiencia en xeral; (b) reaccións significativas atopadas; (c) dificultades ou facilidades atopadas para falar galego .

Sesión 2:

  1. Propoñer a reflexión e o debate conxunto relativo ás experiencias do alumnado, que inclúa a opinión de cada persoa respecto das posibilidades de empregar o galego como lingua habitual máis alá da simulación, e contrastar coas expectativas previas.
Modelo de traballo Traballo de campo individual e traballo expositivo colectivo.
Material Ningún específico.
Fontes de información Experiencias e reflexións propias do alumnado.
Temas relacionados O neofalantismo; A minorización lingüística.