Actividade 14. Creando en galego

ACTIVIDADE 14

Introdución Facer un mural ou cartel colectivo no que cada alumno ou alumna escolla unha fotografía dun lugar emblemático de Moaña (a poder ser no que se vexan representadas todas as parroquias) ou dunha actividade autóctona (pesca, comercio etc.), acompañada dunha frase relacionada coa imaxe que anime a empregar o galego. Posteriormente, o resultado final pódese exhibir no lugar de ensino ou outros espazos públicos do concello.
Tarefa Elaborar colectivamente un mural ou cartel (ou varios, cada un dedicado a unha parroquia, por exemplo) composto de fotografías tomadas polo alumnado, no que se inclúan os lugares considerados por eles e elas como máis emblemáticos e relacionados coa lingua.
Obxectivos Relacionar a expresión artística coa situación lingüística do concello.

Fomentar o traballo colectivo reivindicativo. Identificar os diversos espazos sociais desde unha concepción lingüística dos mesmos.

Duración Dúas sesións na aula e unha de traballo de campo.
Pasos
Sesión 1:

  1. Propoñer a cada alumno e alumna que tome (ou consiga) unha fotografía dalgún lugar do concello emblemático para eles ou dalgunha actividade característica de Moaña (pesca, comercio, eventos culturais, a actividade da lonxa etc.).
  2. Concibir un lema. Dúas opcións:
    1. Convidar os e as estudantes a pensar nun lema relacionado coa imaxe escollida e que estea orientado a promover o emprego do galego.
    2. Convidar os e as estudantes a pensar nun lema relacionado coa imaxe escollida e que defina a realidade lingüística que a caracteriza (que non inclúa necesaria ou exclusivamente o galego).

Traballo de campo:

  1. Tras a realización do traballo de campo, cada estudante debe levar cadansúa fotografía para a seguinte sesión ou enviala por correo ou calquera outro medio dispoñible, para que o mestre ou mestra poida telas preparadas na segunda sesión.

Sesión 2:

  1. Cada estudante presenta a súa fotografía e o seu lema, e argumenta as razóns e o significado da súa escolla, de xeito que poida recibir as opinións e os comentarios do resto do grupo.
  2. Elaborar entre trodos un ou varios murais compostos polas fotografías e os lemas escollidos.
  3. (Opcional) Expoñer o mural ou os murais no centro educativo ou en calquera lugar proposto a iniciativa do alumnado ou do persoal docente.
Modelo de traballo Individual e en grupo.
Material Cámara fotográfica. Para elaborar o mural ou cartel pódense empregar cartolinas, rotuladores, pegamento ou calquera tipo de material dispoñible. Opcionalmente, pódese empregar calquera tipo de ferramenta dixital.
Fontes de información Reflexións e experiencias propias do alumnado.
Temas relacionados A revitalización lingüística; As linguas en Moaña.