Actividade 13. As opinións sobre as linguas

ACTIVIDADE 13

Introdución Nunha situación de conflito lingüístico como a galega, xorden actores e colectivos sociais que adoitan aliñarse de acordo coas distintas perspectivas respecto das linguas en liza. Desde o punto de vista do estudo dos trazos que caracterizan a conxuntura sociolingüística, cómpre atender os distintos discursos a través dos que se articulan as diferentes visións sobre as linguas, de xeito que se facilite a súa identificación e comprensión.
Tarefa Poñer en marcha un debate arredor de dous textos representativos de dúas ideoloxías lingüísticas antagónicas e moi presentes na sociedade, no que alumnos e alumnas representen ambas as posturas a modo de xogo de rol.
Obxectivos Fomentar a lectura crítica e a comprensión das premisas detrás das distintas ideoloxías lingüísticas. Promover o manexo de argumentos e estratexias propias da retórica do debate.
Duración Unha sesión na aula.
Pasos
  1. Convidar o alumnado a ler o texto 1 e o texto 2 acompañado de subliñados e anotacións respecto das partes e ideas centrais destes. PDF: Actividade 13 – Textos 1 e 2
  2. Dividir o alumnado en dous grupos os cales defenderán as ideas dos respectivos textos.
  3. Iniciar un debate moderado polo mestre ou mestra no que entren en xogo os principais motivos e argumentos presentes nos textos.
Modelo de traballo Individual e en grupo.
Material Textos provistos no anexo.
Fontes de información Internet.
Temas relacionados As ideoloxías lingüísticas.