Actividade 12. A morte das linguas

ACTIVIDADE 12

Introdución A pesar da minorización que sofre a lingua galega, esta non corre un perigo inminente de desaparecer se nos baseamos nos índices manexados polos e polas sociolingüistas e, sobre todo, se comparamos o caso galego coa situación xeral das linguas do mundo. Non obstante, como sabemos, a situación dista moito de ser idílica. No momento actual cómpre dedicar esforzos a promover iniciativas de revitalización. Nesta liña, máis alá da política lingüística institucional, é preciso concienciar as persoas máis novas da necesidade de contribuír a un movemento de revitalización desde abaixo.
Tarefa Participar nun xogo de rol no que cada quen debe reflexionar sobre unha situación hipotética de desaparición inminente da lingua galega.
Obxectivos Espertar a conciencia sobre a situación sociolingüística do galego.

Activar as reflexións propias do alumnado en relación coa lingua. Promover a identificación dos e das estudantes cos diferentes colectivos sociais.

Reflexionar sobre posibles estratexias de revitalización lingüística.

Duración Unha sesión na aula.
Pasos
  1. Propoñerlle ao alumnado unha situación ficticia coas seguintes características.
    • En Galicia quedan tan só unhas poucas persoas falantes de galego.
    • A meirande parte da poboación fala castelán ou inglés.
    • A lingua galega está a piques de desaparecer e é necesario promover a recuperación do galego de forma urxente.
  2. Organizar o alumnado en grupos e asignar un contexto social diferente a cada un destes grupos no que a metade dos e das estudantes represente o colectivo dos falantes de galego. A metade restante ten que representar a calquera colectivo social presente na realidade galega que, ficticiamente, son falantes só de castelán. Exemplos:
    • Unha parella (ou conxunto familiar, independentemente do xénero) que acaba de ter un fillo ou unha filla.
    • Un grupo de mestres e/ou mestras de primaria ou secundaria.
    • Un grupo de políticos ou membros do goberno.
    • Un grupo de comerciantes de Moaña.
  1. Propoñer que cada subgrupo prepare as estratexias e argumentos que empregará para representar o seu papel durante o xogo.
  2. Convidar a cada grupo a representar un debate no que os e as galegofalantes traten de persuadir os distintos colectivos da necesidade de empregar, transmitir ou recuperar o galego.
Modelo de traballo En grupo.
Material Ningún específico.
Fontes de información Reflexións propias do alumnado.
Temas relacionados A revitalización lingüística; A desgaleguización; As ideoloxías lingüísticas.