Actividade 11. Os mitos lingüísticos

ACTIVIDADE 11

Introdución Nunha situación de minorización lingüística como a galega é moi frecuente atopármonos cun bo número de mitos lingüísticos, prexuízos e expresións para referirse ao galego de xeito negativo ou despectivo. Aínda que desde un punto de vista científico poida amosarse a súa falta de fundamento, estes funcionan na práctica e simbolicamente para unha boa parte da poboación, tanto dentro como fóra de Galicia. É por isto que cómpre atender os mesmos, facelos visibles, e tratalos sen ambaxes no contexto da ensinanza da lingua.
Tarefa Levar a cabo un debate no que o alumnado discuta e adopte unha postura respecto dalgúns dos prexuízos e dos mitos lingüísticos máis espallados en Galicia.
Obxectivos Facer visibles algúns dos prexuízos e dos mitos lingüísticos caracterizadores da realidade do galego e das persoas galegofalantes. Detectar as distintas perspectivas do alumnado con respecto deles. Prover as ferramentas precisas para que o alumnado poida desartellalos.
Duración Unha sesión na aula.
Pasos
  1. Organizar o alumnado en grupos.
  2. Elaborar unha relación dos mitos, prexuízos ou expresións identificados ou coñecidos por cada grupo.
  3. Comentar e poñer en común os resultados acadados en cada grupo (por exemplo, nunha listaxe no taboleiro).
  4. Poñer en marcha un debate que discorra en relación cos mitos ou cos prexuízos con maior presenza, coa colaboración do mestre ou mestra para desartellalos.

Outro xeito de realizar a actividade, no caso de non acadar o dinamismo necesario nos grupos de traballo, é que o propio mestre ou mestra sexa quen presente unha relación dos prexuízos ou mitos. Algunhas suxestións:

  • «O galego é unha lingua atrasada».
  • «O galego non serve para calquera ámbito».
  • «Falando galego non se pode chegar moi lonxe no mundo laboral».
  • «O galego imponse en moitos colexios».
  • «O galego non é unha lingua, é un dialecto».
  • «O galego é unha lingua de aldea».
  • «O galego é a lingua que falan as persoas vellas e con escasa formación».
  • «Se falas galego es nacionalista».
Modelo de traballo En grupo.
Material Encerado, taboleiro ou pantalla de proxección.
Fontes de información Experiencias, reflexións e discusións do alumnado.
Temas relacionados A minorización lingüística; A revitalización lingüística.