Actividade 1. Biografía sociolingüística

ACTIVIDADE 1

Introdución A transmisión da lingua na familia é unha das formas de continuidade dunha comunidade lingüística máis importantes. No caso galego, isto foi evidente se atendemos á súa historia. Nos últimos cincuenta anos, o castelán foise incorporado no ámbito familiar froito da situación sociolingüística de Galicia e a súa penetración, xunto a outros factores, chegou a desprazar o galego do ámbito familiar. A través da exploración do contexto próximo e da propia experiencia familiar, podemos reflexionar sobre as prácticas e as motivacións das familias do alumnado respecto da transmisión lingüística no ámbito familiar.
Tarefa Entrevista a tres membros da túa familia de diferentes xeracións con descendencia (avó ou avoa; pai, nai, tíos ou tías; irmán, irmá, curmáns ou curmás) e pregúntalles pola lingua que os seus ascendentes lle falaron e pola que eles lles falan aos seus descendentes. Interroga tamén sobre as motivacións e as reflexións detrás de cada acción. Compara cada xeración e busca as diferenzas nas prácticas de transmisión lingüística e nas súas motivacións sobre elas.
Obxectivos Reflexionar a través da historia familiar sobre a transmisión da lingua e sobre as razóns que a motivaron.

Comparar as diferentes prácticas e motivacións das diferentes xeracións.

Duración Dúas sesións na aula e unha de traballo de campo.
Pasos Sesión 1:

  1. Promover unha chuvia de ideas sobre as percepcións que temos sobre a lingua na nosa familia; sobre os motivos dos nosos ascendentes para falarnos unha ou outra lingua e os motivos para nós falar, no futuro, unha ou outra lingua aos nosos descendentes.
  2. Identificar diferentes tipos de familias segundo as súas prácticas e as súas motivacións na transmisión da lingua.
  3. Formar ao alumnado na realización do traballo de campo e nas características necesarias das persoas entrevistadas.

Traballo de campo:

  1. Entrevista os membros da familia descritos. Pódese utilizar unha gravadora opcionalmente para futuras revisións da entrevista. O tempo de realización será dunha semana.

Sesión 2:

  1. Por grupos, compartir os modelos de familias e preparar unha breve exposición oral.
  2. Reflexión conxunta sobre as estratexias e motivacións de transmisión lingüística vistas na aula.
Modelo de traballo Traballo de campo individual e traballo expositivo colectivo.
Material Gravadora de voz (opcional).
Fontes de información Familia próxima e extensa.
Temas relacionados A transmisión lingüística interxeracional.