A variación lingüística

As linguas son realidades dinámicas e abertas, en constante cambio, feito que responde ao carácter plural e diverso das súas comunidades de falantes. A variación das linguas permítelles ás e aos falantes responder de xeito flexible e funcional ás realidades diarias. Ademais, esta variación pode servir para transmitir información e tamén identidade.

Na lingüística, adóitase referir a tres eixes fundamentais de variación das linguas: a variación contextual, que depende da situación comunicativa; a variación social, dependente das condicións socioeconómicas do individuo e do seu grupo social; e a variación xeográfica.

Comezando por esta última, sabemos que o galego, como moitas outras linguas, ten unha variación lingüística moi rica pero, a diferenza do castelán ou do portugués, por exemplo, o galego non ten dialectos perfectamente delimitados, é dicir, non ten zonas nas que conflúan unha serie de trazos como para configurar un sistema lingüístico singular. Iso non significa que non poidamos identificar «galegos» diferentes dunha zona ou doutra.

De feito, no caso galego distínguense tres grandes áreas lingüísticas: a area occidental, a área central e a área oriental. Estas áreas créanse a partir da coincidencia de isoglosas, é dicir, a similitude dunhas liñas imaxinarias sobre o mapa que unen os puntos onde se produce un mesmo fenómeno lingüístico. Os fenómenos dialectais máis destacados da lingua galega son a gheada e o seseo que podemos ver representados tamén nas imaxes. A pesar de que estes trazos lingüísticos non son acotío escoitados nos medios de comunicación, son aceptados no discurso formal.

O castelán de Galicia caracterízase, sobre todo nos usos informais, por modulacións galegas (ex. «el niño está en el colo») e por unha fonética e unha gramática influídas polo contacto lingüístico co galego.

Da banda das falas galegas, temos o galego exemplar, correspondente ao prescrito polas institucións e máis presente na escrita ca na oralidade; o galego común, medianamente depurado e uniforme, moi dependente da normativa oficial; o galego tradicional, con castelanismos pero cunhas características marcadamente galegas (ex. fonética, sintaxe); e, por último, o galego urbano, máis próximo ao castelán en varios niveis. Aínda que todas estas variedades lingüísticas son igualmente lexítimas, están valoradas socialmente de forma diferentes polos e polas falantes en virtude das ideoloxías lingüísticas que operen.

Así mesmo, entre estas dúas linguas, podemos identificar dúas falas intencionais como son o castrapo e o chapurreado. Por castrapo entendemos unha modalidade fortemente galeguizada do castelán de Galicia, mentres que o chapurreado refírese a unha modalidade de galego popular fortemente castelanizado. Popularmente está caracterizado dunha forma negativa por atoparse asociado á falta de competencia lingüística plena nas linguas de uso.

Ademais destas dúas variacións, atopamos a variación contextual que depende do grao de formalidade (formal, semiformal, informal), que, en si mesmo, está determinado, entre outros, polo ámbito de uso, polo tipo de actividade ou pola relación entre os e as participantes.

Deixa unha resposta