A transmisión interxeracional

Como acontece con todas as linguas naturais, o principal criterio para avaliar a súa vitalidade é a transmisión interxeracional, é dicir, o proceso polo cal unha lingua se reproduce de pais e nais a fillos e fillas dentro da propia familia.

Xa que logo, a familia considérase a institución fundamental no mantemento lingüístico, sobre todo en comunidades lingüísticas minorizadas onde a miúdo as linguas están afastadas dos aparatos formais de poder (administración, educación, igrexa, economía). No caso da lingua galega, a familia supuxo un elemento fundamental no mantemento lingüístico, xa que este foi o ámbito de reprodución privilexiado que mantivo a súa vitalidade durante séculos e mesmo no proceso de minorización lingüística.

Pola contra, os cambios na sociedade galega dos séculos XX e do que levamos do XXI alteraron os patróns de uso e transmisión lingüística, e introduciron o castelán como lingua de transmisión e lingua familiar. O castelán considerouse por unha gran parte da sociedade galega como unha lingua que favorecería o incremento da mobilidade social para a mocidade. É dicir, a presenza do castelán no fogar contribuiría a mellorar a futura posición social das crianzas. Isto non implica automaticamente unha actitude negativa cara ao galego, senón simplemente unha elección en función do cálculo cara á promoción social, consciente (reflexiva e meditada) ou inconsciente (por imitación). Con todo, as actitudes negativas cara ao galego, a estigmatización sufrida antano e a vinculación desta co rural e o atraso económico estiveron presentes de forma paralela en todo estes anos, malia que por si mesmas non explican a falta de transmisión lingüística.

O antedito vén resaltar que as motivacións para aprender os dous idiomas na sociedade galega son ben diferentes. Para unha gran parte da sociedade o castelán vinculouse á promoción social, mentres que o galego ficou no terreo das relacións persoais e os vínculos afectivos, unha lingua que remite á integración social.

A desgaleguización na familia prodúcese por unha confianza excesiva no medio sociolingüístico, unha estratexia que se apoia na experiencia dos proxenitores. Con todo, as mudanzas sociolingüísticas ocorridas transformaron notablemente esa Galicia e nestes momentos a situación é substancialmente diferente.

Pola contra, algunhas familias con lingua familiar castelá e con pouco contacto co galego ven como unha necesidade que o galego estea presente no repertorio lingüístico da súa descendencia, e para iso poñen en marcha recursos co fin de introducir o galego como lingua familiar. Os motivos poden ser varios pero, entre eles, está a integración ou a igualdade de oportunidades futuras. Este tipo de experiencias regaleguizadoras na familia son tamén obxectivo das políticas lingüísticas a través de programas como o APEGO.

Nas familias moañesas, ao igual ca no resto da sociedade galega, a transmisión familiar non está garantida na súa totalidade. Os datos mostran como as familias moañesas reducen o uso do galego na fala cotiá cos seus descendentes, especialmente, os máis maiores, avós e avoas, que falan moito menos galego cos seus netos e netas ca no seu día a día. Os pais tamén falan menos galego cos seus fillos e fillas ca de forma habitual mentres que as nais transmiten máis a lingua.

Por outra banda, o comportamento lingüístico dos nenos e nenas de Moaña non difire do dos nenos e nenas de toda Galicia. A infancia en Moaña é un sector da poboación onde o galego está pouco presente. Os nenos e nenas usan menos o galego no seu día a día que coa familia. Con todo, os máis maiores son as persoas coas que máis usan o galego.

1 Comment

Add Yours →

[…] En Moaña, a realidade lingüística dos e das escolares refire unha situación onde o castelán está moi presente tanto como lingua inicial e como lingua habitual. Esta realidade contrasta coa xente de maior idade e coa situación xeral das linguas en Moaña e está relacionada coa ruptura da transmisión interxeracional. […]

Deixa unha resposta