A transformación sociodemografica de Galicia

Nos últimos 70 anos Galicia sufriu importantes cambios na súa demografía que afectaron de forma importante á situación sociolingüística. Entre estes cambios podemos destacar tres que influíron de forma clara sobre a lingua: a urbanización, a terciarización e o avellentamento.

A mediados do século XX Galicia caracterizábase por unha elevada proporción de poboación que residía no rural e que se ocupaba no sector primario, campo e pesca fundamentalmente. Neste contexto, o uso da lingua e a súa reprodución, é dicir, o mantemento como lingua predominante nos nenos e nenas, eran significativamente relevantes.

Este ecosistema foi mudando desde os anos sesenta á actualidade. Nestas décadas, Galicia sufriu un proceso de modernización acelerada, pasou de ter unha economía baseada no sector primario a unha dominada pola terciarización e, nomeadamente, polo sector servizos. Paralelamente a este proceso, a poboación foi desprazándose das zonas máis rurais ás grandes cidades galegas costeiras e tamén, aínda que en menor medida, as grandes cidades do interior. Estes núcleos urbanos que se sitúan arredor da AP-9 (Ferrol, A Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo) convertéronse en referentes de dinamismo económico e social.

Isto supuxo unha transformación dos modos de vida tradicionais e contribuíu a desprazar o galego, influído polo histórico proceso de minorización lingüística. Nas cidades, lugares asociados á modernidade e ao progreso, o uso do castelán era a norma social. Isto tivo como consecuencia a emerxencia e a consolidación duns patróns comunicativos que aínda duran ata hoxe. O galego quedou asociado             –nunha simplificación irreal– ao campo, ao mar e ao rural. En relativamente poucos anos, Galicia transformouse dun país fundamentalmente rural a un país onde a maioría da xente vive nas cidades e nas vilas grandes. Este cambio viu acompañado dunha mudanza tamén lingüística.

Nos últimos anos, estas dinámicas que describimos están expandíndose ás contornas dos núcleos urbanos, afectando tamén as zonas do periurbano das cidades. Pasamos de cidades illadas a áreas metropolitanas conectadas entre si. O impacto do crecemento de Vigo sobre Moaña é un exemplo disto.

A todas estas transformacións hai que sumarlle outro factor: a perda de poboación de Galicia. Este declive demográfico viu acompañado dun envellecemento da poboación, que se explica polo aumento da esperanza de vida, unha baixa natalidade e unha baixa inmigración.

Ante este proceso de substitución lingüística, a sociedade galega iniciou un proceso de recuperación denominado normalización lingüística.

Deixa unha resposta