A transformación de Moaña

Nos últimos 70 anos, Moaña sufriu cambios importantes que afectaron á súa idiosincrasia como concello, uns cambios que están en relación cos acontecidos en Galicia nas últimas décadas.

Demograficamente, o Morrazo é unha comarca cunha gran densidade de poboación e cun grao de urbanización notable. Concretamente, Moaña está catalogada como un concello densamente poboado cun grao de urbanización intermedio, a excepción da parroquia de Domaio.

Ao igual ca Galicia, moita da súa xente pasou de traballar no campo e no mar para facelo no sector servizos. De igual forma, o avellentamento tamén se deixa sentir na súa poboación.

Con todo, ao contrario de boa parte do territorio galego, que historicamente viña perdendo poboación, O Morrazo é unha comarca que medrou en poboación desde os anos 80. Malia que a dinámica dos concellos da comarca non foi igual, Moaña é un exemplo de leve crecemento demográfico. En parte, isto debeuse a recibir xente doutros concellos, fundamentalmente das grandes cidades en expansión (Vigo e Pontevedra), así como a unha pequena chegada de poboación migrante. Esta nova poboación influíu tamén no ambiente e nas prácticas lingüísticas do concello.

Moaña constitúe unha zona que podemos cualificar de rururbana, unha zona próxima a un núcleo urbano que experimenta un crecemento de poboación nova principalmente desta orixe. A mellora das vías de comunicacións (vía rápida O Morrazo, AP-9, a ponte de Rande e o transporte marítimo) converteron o concello nun lugar máis accesible para as áreas veciñas. As novas urbanizacións no Rosal ou as novas construcións en Domaio son exemplo disto. Ademais, a inclusión de Moaña na área metropolitana de Vigo fai que a influencia da cidade sexa aínda máis forte.

Estas son as transformacións que contextualizan o proceso de desgaleguización no concello de Moaña e que podemos ver máis concretamente reflectida no uso das linguas deste concello.

Deixa unha resposta