A revitalización lingüística

A revitalización lingüística consiste nun conxunto de estratexias que adoitan ser centrais na política lingüística destinada a evitar un proceso de esmorecemento dunha lingua percibida como ameazada ou en perigo. Normalmente, trátase dun proceso que vai das institucións cara ao pobo, ou, dito con outras palabras, «de arriba a abaixo».

No caso do galego, a revitalización, e o seu discurso, capitalizou unha boa parte das estratexias de intervención sobre a situación da lingua desde o final do franquismo. A normalización da lingua, a consideración da súa oficialidade ou a súa inclusión no ensino obrigatorio, constitúen algúns dos principais pasos acadados nun sentido de revitalización do galego. Porén, se atendemos á situación actual, resulta tamén evidente que o proceso de esmorecemento está lonxe de reverterse, tanto desde un punto de vista cuantitativo como cualitativo.

Os plans de revitalización adoitan recoller a estratexia necesaria (teórica) para revitalizar unha lingua como, por exemplo, medidas relativas á intervención nos patróns de adquisición da lingua en cuestión, o que adoita materializarse, sobre todo, no ámbito da educación formal dos grupos máis novos da poboación. Secasí, o principal obstáculo adoita ser o escaso alcance e intensidade que estas medidas tiveron ata o de agora nos ámbitos informais, os cales constitúen a meirande parte da vida cotiá dos e das falantes. Hai que ter en conta que nos espazos formais, moitas veces, os usos da lingua están xa regulados de antemán, polo que determinada lingua pode falarse por convención, máis ca por convicción. Contrariamente, para ser transformadora, a revitalización lingüística ten que abranguer a realidade cotiá dos e das falantes, e por iso ten que apuntar a acadar unha situación na que a lingua se fale por convicción, máis ca por convención.

Para ilustrar esta cuestión, chega con atender ao caso galego. Precisamente, é a partir das primeiras medidas políticas revitalizadoras como a propia declaración de oficialidade da lingua, cando os índices de uso, transmisión, e prestixio social do galego caen en picado nos ámbitos informais. Isto pode explicarse de dous xeitos.

En primeiro lugar, tal como suxiren algunhas das persoas dedicadas a teorizar sobre a revitalización, esta ten que desenvolverse cunha orientación e secuenciación estrita e que se adapte á realidade da comunidade en cuestión. En Galicia, pola contra, o proceso foi demasiado acelerado, dándose por sentado ou directamente deixándose de lado os ámbitos de uso cotián e de carácter principalmente informal.

En segundo lugar, ao acadarse o pleno dereito do galego como lingua oficial, semella que se esgota a capacidade de formular demandas de relevancia por parte da poboación ideoloxicamente escorada cara á revitalización, ao que hai que engadir a ausencia, especialmente nos derradeiros anos, dun vencello sólido entre as demandas políticas e lingüísticas da poboación respecto dos principais grupos de representación política.

Nos discursos centralistas, por exemplo, a cuestión da oficialidade fai ás veces de argumento para negar a posibilidade de novas demandas, con fórmulas ben espalladas como «se o galego xa é oficial, que máis queredes?» ou «o galego xa está recoñecido, polo tanto se non se usa ten que ver coa decisión individual de cada persoa». Argumentos sen dúbida falaces desde un punto de vista sociolingüístico, pero perfectamente funcionais no imaxinario político cotián en Galicia.

Deixa unha resposta