A política lingüística

De forma sucinta, podemos definir a política lingüística como a acción deliberada dos axentes políticos ou/e das institucións sociais (incluídas as empresas ou as familias, entre outros) sobre a competencia, prácticas e actitudes dos e das falantes.

A idea básica que está por baixo da política lingüística é que as dinámicas sociais que afectan ás linguas poden ter consecuencias non desexadas para a propia comunidade lingüística, como é a perda do idioma. Este presuposto é compartido con outras políticas, como as de igualdade e as ecolóxicas.

No caso das políticas lingüísticas, apóianse na vontade destes grupos sociais que queren reverter esa situación a nivel colectivo por xulgala indesexable. Deste xeito, desde un punto de vista democrático, a política lingüística é un elemento de autorregulación que busca garantir a liberdade e a igualdade entre os e as falantes. Como calquera política, está suxeita a valoracións dos axentes segundo os seus intereses e ideoloxías.

Nesta intervención podemos diferenciar varios niveis segundo o axente: un nivel macro, un nivel meso e un nivel micro. No nivel macro, atopamos todas as institucións rexionais, nacionais ou estatais; no nivel meso, as institucións que median (escolas, municipios, deputacións); por último, no nivel microlingüístico, os axentes son, ás veces, os propios destinatarios (individuos, familias).

Os exemplos máis claros de macropolítica lingüística en Galicia son a normalización lingüística que se plasmou legalmente na Lei de normalización lingüística de 1983 e as as políticas lingüísticas educativas recollidas nos diferentes decretos que tiveron vixencia desde 1995. O que está vixente na actualidade é o Decreto 79/2010, de 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. As políticas lingüísticas educativas son as que máis atención traen na sociedade e as que máis interese suscitan nos procesos de revitalización lingüística.

As políticas lingüísticas do nivel meso correspóndenlles ás institucións, públicas ou privadas, que se atopan nun nivel xerárquico menor en canto a capacidade de intervención. Exemplo disto son os concellos, que tamén teñen un mandato normalizador derivado da lei anteriormente citada e fan traballo a favor da normalización a través de diversos organismos e, especificamente, a través dos servizos de normalización lingüística. Do mesmo xeito, dentro dos propios centros de ensino existen os equipos de dinamización lingüística que se encargan de cumprir a función de dinamización dentro das escolas. No caso das tres universidades públicas galegas, a responsabilidade das accións de protección e promoción do galego recae nas áreas de normalización lingüística.

No nivel micro podemos atopar desde familias ata empregados de empresas ou os propios individuos. As familias son una institución de grande importancia para a transmisión da lingua sendo un dos principais problemas que a lingua galega sufriu. A decisión de transmitir unha ou outra lingua aos fillos no ámbito lingüístico familiar corresponde a eido da política lingüística familiar, un dos campos de maior importancia na recuperación lingüística das linguas minorizadas.

Deixa unha resposta