A normativización da lingua

Despois de histórica situación de minorización lingüística que no franquismo se concretou en episodios de represión lingüística severa, a lingua galega pasou por un proceso acelerado de modernización. Nos anos anteriores á autonomía, a situación sociopolítica de Galicia relegara as falas galegas ao ámbito do privado, do folclórico e do cultural. A modernización consistiu en ter que afrontar novas funcións para as que non había precedente: ser lingua do ensino, das administracións, da xustiza e dos medios de comunicación. Isto requiría traballar tanto no plano da oralidade coma no da escrita, pero especialmente neste último.

Un dos pasos fundamentais para a estandarización da comunidade lingüística nas nosas sociedades é a consecución dunha variedade lingüística estándar ou normativa, que parece converterse en imprescindible cando esta accede a determinados ámbitos: os medios de comunicación ou o ensino, por exemplo.

Fronte á historia doutras linguas da península ibérica (véxase portugués ou castelán), linguas que acotío se cualifican de «normais», que se foron adaptando ás súas condicións sociais a medida que a sociedade o requiría, o galego viviu desde a aprobación do seu estatuto un proceso moi intenso e acelerado de adaptación aos requirimentos dunha lingua «moderna». Isto, por unha banda, tivo que ver con cuestións máis lingüísticas (a consecución dunha norma escrita, unha gramática de referencia etc.) e, por outra banda, tamén coa ampliación das súas funcións: ensino, medios de comunicación, administración e xustiza.

A normativización (ou estandarización da lingua) alude ao establecemento dun código lingüístico modelo por parte dunhas institucións lexitimadas. Esta elaboración non implica a aceptación inmediata da norma pola comunidade lingüística, senón que pode dar lugar a debates e mesmo a rexeitamentos. No caso galego, esta disputa concretouse no conflito ortográfico –partidarios dunha ortografía máis achegada ao portugués vs. unha ortografía máis autónoma. A estandarización é un fenómeno que implica toda unha toma de decisións, que non son estritamente lingüísticas, senón que tamén teñen que ver con cuestións socioculturais (tradición literaria, cultura lingüística da comunidade, ideoloxías lingüísticas, entre outras).

A creación desta norma escrita supón o establecemento dunha variedade que é considerada de prestixio pola sociedade, na medida en que se reserva para os ámbitos máis destacados. Estes estándares escritos desenvolven tamén un patrón no que se configuraron as maneiras de falar prestixiadas. De aí a insistencia na pronuncia da escrita nos falares máis cultos (grupos consonánticos /ks/, pronuncia de todas as letras etc.). Con todo, os modelos orais teñen un grao de fixación menor e, consecuentemente, a variación é moito maior.

Cómpre recordar que este tipo de procesos só son experimentados por un número moi reducido de linguas e de falantes. A adquisición das competencias escritas é froito dun longo proceso de aprendizaxe. A escrita é unha tecnoloxía fundamental que nos permite ampliar as posibilidades da linguaxe, pero iso non debe facernos esquecer que a oralidade ten un carácter prioritario na comunicación humana. A nivel xeral, poucas linguas pasan por estes procesos e iso non as fai, en ningún caso, menos aptas para a comunicación.

De forma paradoxal, os procesos de normalización lingüística reproducen a outra escala a discriminación lingüística que pretende enfrontar e que se concreta no proceso de minorización lingüística. Canto máis se afaste unha norma das falas tradicionais, menos recoñecidos se sentirán os e as súas falantes e, probablemente, a maiores discriminacións por razóns de lingua se verán sometidos.

Deixa unha resposta