A normalización lingüística

Na altura de finais do século XX, en Galicia, ao igual ca noutros territorios do Estado español, comezou un proceso de revitalización lingüística que se coñeceu polo termo de normalización lingüística e que designa a intervención política sobre o status das linguas.

En Galicia, plasmouse na Lei de normalización lingüística 1983, e máis tarde desenvolveuse nun plan concreto chamado Plan xeral de normalización da lingua galega (2004). Estes constitúen os documentos fundamentais da política lingüística de Galicia.

A normalización lingüística pode entenderse en dous sentidos: como proceso ou como meta ou ideal. Como proceso, a normalización lingüística non atangue só as institucións senón que tamén é obxectivo de organizacións da sociedade civil. En Galicia, desde hai décadas, contamos con varias asociacións cuxo cometido principal é lograr avances na dinamización da lingua, algunhas de corte estritamente lingüístico e outras que, de forma transversal a outros obxectivos, teñen a normalización nos seus xenes: Mesa pola Normalización Lingüística, Queremos Galego!, Prolingua ou Nova Escola Galega, entre outras.

Como meta ou ideal, a normalización lingüística pódese resumir na seguinte frase: facer que unha lingua sexa «normal». Detrás desta palabra atópase toda a complexidade do proceso. A normalidade dunha lingua pódese ver, polo menos, desde dúas perspectivas: unha desde o individuo e outra desde a sociedade.

Desde a perspectiva individual, un idioma é considerado normal se non atopa ningún impedimento para que os e as falantes o falen nas distintas situacións da súa vida. Desde o ámbito social, considérase que unha lingua é normal cando ten presenza en todos os ámbitos da realidade social, como a educación, a xustiza, a administración, os medios de comunicación, o lecer, o deporte ou as redes sociais, entre outros.

O uso libre polo individuo exclúe, nun principio, calquera cuestión que non atanga ao individuo. Deste xeito, a recepción de contidos en galego ou o uso do galego pola contorna serían obxectivos non lexítimos baixo esta perspectiva.

O cumprimento das moitas funcións que pode ter unha determinada lingua pode ser visto de moitas perspectivas. Tradicionalmente tense interpretado por unha parte como sinónimo de monolingüismo social, un ideal baseado na ecuación «un Estado = unha lingua». Con todo, esta interpretación non é exclusiva e hai outras formas de organización social que toman esta perspectiva comunitaria sen recorrer ao monolingüismo social como ideal.

Resumindo, a normalización é un proxecto aberto e en disputa, que depende quen o interprete o pode enfocar dun xeito ou doutro. De aí os debates públicos, moi apaixonados e vívidos, que suscita a cuestión da lingua.

Deixa unha resposta