A minorización lingüística

Os procesos de minorización lingüística están intimamente ligados ás relacións de poder establecidas nunha comunidade onde se falan varias linguas. A minorización provócase nas situacións nas que os grupos sociais dominantes favorecen o espallamento e a consolidación dunha lingua (dominante) por enriba das outras coas que conviven, o que deriva no feito de que estas últimas se marxinen, o seu uso se persiga ou, nos casos máis extremos, directamente se prohiba. Desde este punto de vista, a minorización é claramente un fenómeno de índole política e social, e, polo tanto, en ningún caso ten que ver coa validez ou co desenvolvemento das linguas en si mesmas.

A minorización, así mesmo, pode derivarse dunha prohibición directa (legal, administrativa), pero tamén pode ser froito dun trato desigual, da non intervención estatal, ou da estratificación social que ten que ver coas relacións sociais e económicas da comunidade. Nestes contextos, téndese a negar a prosperidade e/ou a supervivencia social na lingua minorizada, o que normalmente desemboca no seu esmorecemento e na perda progresiva de falantes.

Unha das situacións prototípicas de minorización consiste na omnipresenza da lingua dominante en todos os ámbitos de prestixio e relevantes para a reprodución das condicións sociais e económicas da comunidade en cuestión, mentres que a lingua minorizada tende a quedar relegada (restrinxida) a espazos de carácter informal ou privado. Na realidade actual galega, por exemplo, dáse moi frecuentemente o caso dos e das falantes que empregan galego na casa ou na aldea, pero recorren ao castelán nos espazos urbanos, de comercio, institucionais ou educativos.

Nestas condicións, é sinxelo vivir como monolingüe en castelán, mentres que facelo en galego convértese moitas veces nunha odisea. A minorización tamén se percibe claramente na imaxe que a poboación falante de galego suscita fóra de Galicia, pero tamén na identidade da propia poboación galega: ben se considera coma unha característica engadida á identidade «común» «española», ben directamente se negan ou se atenúan as súas características diferenciais.

O caso do galego, de feito, é paradigmático se falamos de minorización, especialmente se prestamos atención ao desenvolvemento histórico da lingua desde o século XVI. Nesta altura comeza o proceso de castelanización, impulsado polas novas elites sociais, o que desprazou ao galego fóra das esferas socialmente relevantes, aínda que este seguía a ser a lingua da meirande parte da poboación. Outro período histórico de grande importancia neste sentido foi o réxime franquista, onde o emprego do galego chegou a estar prohibido en calquera eido do discurso público.

As consecuencias da minorización son diversas e dependen de cada situación particular. Na actualidade, evidénciase un descenso notable do número de falantes, polo que sen unha análise histórica dos feitos podería chegar a pensarse que se trata simplemente dunha lingua minoritaria. Por iso, cómpre diferenciar entre unha lingua minoritaria e unha lingua minorizada. No primeiro caso, unha lingua considérase minoritaria cando conta cun número relativamente reducido de falantes na comunidade en cuestión. Unha lingua minoritaria pode coexistir con outra ou varias linguas (maioritarias) sen que necesariamente poidamos falar de conflito lingüístico. Pola contra, a situación de minorización dunha lingua non depende do seu número de falantes, senón, como diciamos, dunha acción normalmente impositiva por parte dos grupos dominantes que determinan a regulación sociolingüística da sociedade. O feito de que o galego se fale cada vez menos no noso país, polo tanto, pouco ten que ver con que sexa unha lingua minoritaria. Trátase, máis ben, dunha consecuencia directa e historicamente comprobable dun proceso de minorización lingüística.

Deixa unha resposta