A lingua na educación

A escola é un ámbito fundamental na adquisición lingüística e na modelaxe das prácticas lingüísticas, pero non é o único. En Galicia, as políticas lingüísticas teñen centrado moito a atención na educación dándolle un papel preponderante á escola como axente normalizador da adquisición de competencias –ao que maiormente se dedica– e como dinamizador de prácticas lingüísticas e da mellora das actitudes lingüísticas do alumnado. Deste xeito, o debate sobre o modelo lingüístico supuxo un dos maiores focos de conflito arredor da lingua nos últimos anos.

O modelo lingüístico escolar de Galicia deriva da Lei 3/1983 de normalización lingüística (LNL) na que se basearon os posteriores decretos lingüísticos. O obxectivo final é a consecuencia dunha competencia suficiente e semellante nas dúas linguas oficiais ao rematar a educación obrigatoria. Para conseguir este obxectivo hai unha serie de características básicas que estipula esta lei: a non segregación por lingua, o dereito a recibir o primeiro ensino na lingua inicial, o uso vehicular das dúas linguas no currículo e unha planificación de segundo nivel por parte dos centros educativos.

Baseándose na LNL, o primeiro decreto lingüístico foi o Decreto 247/1995 que se caracterizou por unha harmonía e unha intervención escasa sobre a situación de desigualdade das linguas en Galicia. Unha década despois, aprobouse o Decreto 127/2007, que serviu para potenciar o galego como lingua no ensino, pauta que xa marcaba o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no parlamento galego no 2004. Este decreto suscitou un gran debate mediático e político e co cambio de goberno foi substituído polo Decreto 79/2010. Este último, vixente na actualidade, virou o foco cara ao plurilingüismo, centrándose na capacitación nunha lingua estranxeira do alumado e propoñendo unha presenza equitativa de tres linguas que rompía coa potenciación do galego dada no anterior decreto.

A situación da lingua galega no ensino está tamén afectada pola Carta europea para as linguas minoritarias ou rexionais, acordo ratificado polos estados membro do Consello de Europa e que se sitúa normativamente por riba das leis autonómicas e estatais. Así e todo, ten recibido varias críticas por ser un texto de libre adhesión e con escasa forza xurídica dado que o incumprimento non implica medidas sancionadoras.

En Moaña, a realidade lingüística dos e das escolares refire unha situación onde o castelán está moi presente tanto como lingua inicial e como lingua habitual. Esta realidade contrasta coa xente de maior idade e coa situación xeral das linguas en Moaña e está relacionada coa ruptura da transmisión interxeracional.

Xa que logo, unha das principais funcións da escola é facer todos os esforzos para dotar os diferentes perfís de alumnos e alumnas de competencias semellantes en ambas as dúas linguas oficiais e, asemade, incrementar o uso da lingua galega nestes tramos de idade seguindo o proceso de normalización da lingua galega. Malia isto, a día de hoxe vemos como a realidade lingüística do alumnado de infantil e primaria en Moaña é moi desigual en canto á lingua que usan no seu día a día.

Deixa unha resposta