A desgaleguización

Trátase dun proceso histórico que se refire ao progresivo esmorecemento da lingua galega en Galicia, debido a un conflito lingüístico e a unha situación de minorización lingüística. Discorre paralelo á castelanización da sociedade, pero tamén, especialmente nas últimas décadas, á introdución do inglés, en tanto que lingua franca mundial.

A desgaleguización comeza séculos atrás coa adopción do castelán por parte das elites sociais (clero, nobreza, elites económicas etc.), o que tivo como consecuencia o aumento da presenza activa do castelán en cada vez máis esferas sociais que antes discorrían en galego. É o que se coñece como proceso de substitución lingüística, moi consolidado nos espazos urbanos e aínda con percorrido nas vilas e no rural galego. Neste sentido, Moaña non é unha excepción.

A escola foi tradicionalmente –e aínda segue a selo en moitos lugares– un exemplo claro de espazo desgaleguizador, e así é percibido habitualmente polos membros da comunidade educativa, como se pode comprobar nos vídeos que complementan esta unidade. O ámbito do comercio, pola súa banda, tamén pode considerarse un dos espazos onde se pode indentificar facilmente a desgaleguización. Este ámbito desenvólvese maioritariamente en castelán e, co desprazamento dos sectores económicos tradicionais cara aos servizos e ao turismo, tamén en inglés.

Porén, tamén hai ámbitos nos que aínda prevalece o galego como lingua principal, sobre todo aqueles máis próximos dos espazos económicos tradicionais, como o sector pesqueiro e marisqueiro, aínda relativamente presentes na Moaña actual. O galego, de feito, segue a considerarse polos moañeses e moañesas como «a lingua do mar». Con todo, o idioma perde presenza en favor do castelán e doutras linguas conforme imos ascendendo na escala social do sector.

Ao tratarse precisamente dun proceso histórico, cómpre non entender a desgaleguización coma un proceso simplemente progresivo. Malia que a tendencia se caracteriza claramente por unha substitución do galego polo castelán como lingua maioritaria, tanto en cantidade de falantes coma no grao de espallamento nos diferentes espazos sociais, cómpre lembrar o importante factor relativo á intervención política e económica na regulación sociolingüística, a cal deriva en determinados saltos cualitativos nun sentido acelerador ou desacelerador desta tendencia. Por exemplo, no marco institucional democrático actual, a intervención política pode ter cabida nun sentido galeguizador ou desgaleguizador, dependendo, en parte, da ideoloxía lingüística dos grupos que ocupan os espazos de decisión.

Non debemos, no entanto, dar por sentado o impacto das políticas lingüísticas no tecido social, pois tamén cómpre ter en conta as prácticas e ideoloxías lingüísticas dos e das falantes, as cales non sempre están en harmonía co sentido das intervencións políticas institucionais. Así é como, por exemplo, podemos entender o impacto dos procesos de revitalización posteriores ao réxime franquista: aínda que a súa orientación, sobre o papel, é cara a unha clara revitalización (oficialidade do galego, dereitos lingüísticos, presenza na educación, medios de comunicación etc.), a boa acollida social da política lingüística está lonxe de ser maioritaria, e supón máis ben unha fonte permanente de afondamento no conflito.

Isto ocorre, por exemplo, debido a que, na actualidade, as tendencias derivadas dos procesos socioeconómicos no plano mundial (baseadas, entre outras cousas, nunha concepción específica dos suxeitos que privilexia o individuo emancipado fronte á natureza e a comunidade) supoñen ás veces un elemento desartellador dos vínculos tradicionais, como os familiares, relixiosos, identitarios, e mesmo nacionais ou comunitarios. Neste contexto, o carácter vertebrador (da comunidade e da súa identidade) tradicionalmente asociado ás linguas vese comprometido, xa non é funcional dun xeito evidente, e, ao contrario, faise notar cada vez máis xa non só na desconexión entre a política lingüística e a realidade sociolingüística, senón na incapacidade dos mecanismos da representación política institucional para canalizar as demandas sociais en base ao imaxinario identitario tradicional.

O impacto da mundialización das relacións socioeconómicas ten un claro referente no ámbito das linguas se atendemos ao caso do inglés, o cal cómpre considerar a día de hoxe como un novo elemento que contribúe notablemente á desgaleguización, e non só no ámbito da política institucional e do sistema educativo. Por exemplo, o espazo vital que ocupan na mocidade as «novas tecnoloxías» supón ás veces un desafío para a revitalización do galego. Neste caso, non só é o castelán o que predomina no mundo dixital, senón tamén, cada vez máis, o inglés. Incluír a presenza do inglés e a relación da sociedade galega cara a esta lingua é unha tarefa pendente desde o punto de vista da revitalización lingüística.

Deixa unha resposta