A alternancia de códigos

En todas as situacións de contacto lingüístico significativo con dúas ou máis linguas tradicionalmente usadas, a alternacia de códigos é unha realidade cotiá. Isto é, aparecen con regularidade situacións comunicativas nas que os e as falantes alternan no uso as linguas que teñen dispoñibles. En Galicia, é un dos fenómenos lingüísticos máis doados de detectar nas prácticas lingüísticas da poboación, mesmo entre as persoas «monolingües» en galego ou en castelán.

O xeito en que ocorren estas alternancias está suxeito a unha gran variación e pode abranguer todas as unidades lingüísticas, desde a oración ata os fonemas. Ás veces chega a resultar ben complicado distinguir as linguas de orixe de cada unha das expresións que teñen lugar na fala. A conversa bilingüe é un exemplo notorio dunha modalidade comunicativa con gran presenza da alternancia de códigos, entre outros trazos.

Frecuentemente, se este tipo de prácticas ocorren con regularidade (chegan en ocasións a converterse máis na norma ca na excepción) ten lugar a consolidación dunha variedade lingüística de seu. Un dos exemplos máis coñecidos da alternancia de códigos, que é practicamente percibido como unha variedade coa súa cultura particular, é o do «spanglish» falado por unha boa parte das persoas de orixe latinoamericana nos Estados Unidos. Con todo, moitas veces faise ben complicado distinguir entre o que se considera alternancia e o que se entende como variedade «híbrida».

En Galicia a alternancia de códigos ocorre, por suposto, no caso do galego e do castelán, e aparece, sobre todo, nos espazos informais e de formas moi diversas. Aínda que no imaxinario social é moi habitual que a alternancia ou as variedades híbridas sexan obxecto de prexuízo, considéranse pexorativamente como «mesturas» ou mesmo «dexeneracións da lingua», como é o caso do castrapo, desde un punto de vista científico a fronteira entre estas variedades mestizas (ou híbridas) e as linguas «como tal» non se pode explicar por razóns puramente lingüísticas. Máis ben, como no caso das «propias» linguas, ten que ver con factores sociais coma o prestixio lingüístico, o cal determina a «escala de valores» dunha sociedade respecto da súa relación coas variedades lingüísticas dispoñibles.

No caso do castrapo, por exemplo, é evidente que na sociedade galega existen numerosos prexuízos que explican, en parte, a percepción deste polas e polos falantes. En xeral, mesmo desde a perspectiva de moitos e moitas galegofalantes, enténdese como unha desviación (do galego ou do castelán, indistintamente) e asóciase a ámbitos rurais ou tradicionais, especialmente ás persoas monolingües en galego, de maior idade e sen acceso a unha educación formal.

A realidade, como case sempre, permite catalogar o antedito prexuízo coma un mito lingüístico, pois é posible observar casos de alternancia de códigos nos máis numerosos espazos e por parte de persoas de toda índole. Xa que logo, lonxe de supor un problema, o certo é que a mestura ou alternancia de códigos é un fenómeno universal que forma parte da normalidade da diversidade lingüística e, por iso mesmo, non hai razón para menosprezala.

Deixa unha resposta